Personal tools
A Network of Excellence forging the
Multilingual Europe Technology Alliance

O idioma galego na era dixital — Resumo

A lingua é o modo esencial de comunicación entre humanos. A lingua permítenos expresar ideas e sentimentos, axúdanos a aprender e ensinar, é esencial para vivir, é o vehículo preferido para a transmisión de cultura, e é un símbolo de identidade.

Co noso nivel actual de globalización, temos moitas formas de comunicarnos facilmente con xente de todo o mundo. Por exemplo, as novas tecnoloxías da información e as comunicacións facilitaron o desenvolvemento das redes sociais que impulsan e realzan a interacción entre xente de practicamente todos os países e culturas. Tamén, nos últimos anos, asistimos a fluxos importantes de xente estranxeira entre os nosos países, p.ex. o turismo ou a inmigración, que crean a necesidade de comunicación entre linguas diferentes. Este problema de comunicación interidiomático é a miúdo resolto mediante o uso dunha lingua franca.

Os países de Europa son un exemplo claro de diversidade lingüística e cultural a pesar do feito de que, durante os últimos 60 anos, Europa converteuse nunha estrutura política e económica ben definida. Isto significa que a comunicación entre cidadáns europeos, tanto a máis cotiá como a que se produce no eido dos negocios ou a política, ben sexa en galego como en grego, en italiano ou en islandés, vese confrontada inevitablemente polas barreiras do idioma. As institucións da UE gastan preto de mil millóns de euros ao ano para manter a súa política de plurilingüismo, é dicir, na tradución de textos e a interpretación de comunicacións orais. Paralelamente, o inglés está a converterse nunha lingua franca na comunicación entre os cidadáns europeos.

En España, atopamos un escenario similar. España ten unha lingua oficial, o español, tamén coñecido como castelán, e tres linguas cooficiais: galego, catalán, e vasco. A preservación do multilingüismo en España non foi unha tarefa fácil. É o resultado dun proceso complexo para intencionalmente preservar a identidade cultural e lingüística dentro e entre as diversas rexións e habitantes de España. De forma similar ao uso do inglés no caso europeo, a comunicación directa entre cidadáns de áreas diferentes de España, a miúdo necesita utilizar o castelán como lingua franca.

En ambos os dous niveis, o europeo e o español, o multilingüismo é un patrimonio cultural que é preciso conservar. A globalización non se debería converter nun mecanismo que promova o abandono do noso rico patrimonio lingüístico e cultural, invitándonos a abandonar o uso da nosa propia lingua a favor dunha lingua franca. Nun entorno de comunicación globalizado, deberiamos atopar formas de comunicarnos co mundo ao mesmo tempo que preservamos a nosa propia lingua e, con iso, a nosa identidade cultural.

A tecnoloxía da lingua e a investigación lingüística poden facer unha contribución significativa para salvar estas barreiras lingüísticas. Combinada con dispositivos e aplicacións intelixentes, no futuro a tecnoloxía da lingua será capaz de axudar aos cidadáns a falar uns cos outros de forma sinxela, así como a traballar uns cos outros aínda que non se fale unha lingua común. De xeito que as solucións da tecnoloxía da lingua ao final servirán como unha ponte exclusiva entre linguas diferentes. Non obstante, as ferramentas de tecnoloxías da lingua e fala actualmente dispoñibles no mercado (que van de sistemas de respuesta automática a interfaces de lingua naturais – incluíndo sistemas de tradución e ferramentas de resumo, entre moitas outras), están a día de hoxe por debaixo de lograren este ambicioso obxectivo.

Xa na década de 1970, a UE decatouse da grande relevancia das tecnoloxías da linguaxe como factor impulsor da unidade europea, e comezou a financiar os seus primeiros proxectos de investigación. Ao mesmo tempo, establecéronse proxectos nacionais que xeraron valiosos resultados, pero nunca chegaron a constituír unha acción europea coordinada. Os actores dominantes neste campo son sobre todo empresas privadas con base en Norte América. Hoxe en día, os modelos predominantes nas tecnoloxías da linguaxe dependen de métodos estatísticos que non fan uso de métodos ou coñecementos lingüísticos profundos. Por exemplo, as frases tradúcense automaticamente mediante a comparación dunha nova frase con miles de frases previamente traducidas por humanos.

A calidade da tradución depende en gran medida da cantidade e calidade dos corpus de mostra dispoñibles. Mentres que a tradución automática de oracións simples en idiomas cunha cantidade suficiente de material textual dispoñible pode dar resultados útiles, os métodos estatísticos están condenados ao fracaso no caso de idiomas cun material de mostra moito máis pequeno, ou no caso da tradución de oracións con estruturas complexas. Analizar as propiedades estruturais máis profundas das linguas é a única forma cara adiante para construír aplicacións que funcionen ben para unha serie ampla de linguas.

A solución ao problema de comunicación entre linguas é, polo tanto, desenvolver tecnoloxías facilitadoras. Para lograr este obxectivo e conservar a diversidade cultural e lingüística de Europa, é necesario realizar primeiro unha análise sistemática das particularidades lingüísticas de todas as linguas europeas, ademais da análise do estado actual de cadansúa tecnoloxía da lingua. Este é o propósito do presente libro acerca da lingua galega.

Este volume mostra unha análise detallada das tecnoloxías da lingua, aplicacións e solucións para o galego. Atopámonos con que hai unha cantidade bastante reducida de produtos, tecnoloxías e recursos deseñados para o galego. Hai algunhas ferramentas para síntese de voz, recoñecemento de fala, corrección de ortografía e comprobación de gramática. Contamos tamén con algunhas aplicacións de tradución automática, na súa maioría entre español e galego. Como esta serie de libros brancos sobre as linguas europeas demostra, hai grandes diferenzas en canto a investimento en solucións tecnolóxicas e ao estado da investigación lingüística entre os Estados membros de Europa. O galego é unha das linguas da UE que necesita aínda máis investigación para que as solucións das tecnoloxías da linguaxe cheguen a ser verdadeiramente eficaces e poidan ser empregadas para un uso diario. Ao mesmo tempo, existen boas perspectivas para acadar unha posición salientable nesta área tecnolóxica tan importante. Este desenvolvemento de tecnoloxía da lingua de alta calidade é urxente, tendo moita importancia para a conservación dunha lingua minorizada e minoritaria como galego.